Pedra e natureza fúndense en Casa Rosinda dando lugar a un conxunto arquitectónico en perfecta harmonía coa súa contorna.
O seu exterior ofrece un espazo total de 56.000 metros cadrados de pasto e bosque autóctono, horta con árbores froiteiras e xardín decorado con elementos de labranza, onde non faltan o tradicional hórreo ou unha fonte de auga natural de primeira calidade. Envolta nestes elementos, unha ampla terraza permite gozar da paisaxe ao tempo que se degustan as especialidades da casa.
Pola súa banda, os máis pequenos teñen asegurado o divertimento no parque infantil e as zonas verdes que o rodean. O local dispón, ademais, dun amplo aparcadoiro con acceso para autobuses.
Xa no seu interior, Casa Rosinda ofrece 5 salóns adaptados tanto a pequenas como a grandes celebracións. Salon 1 Casa Rosinda Neles distínguense, por unha banda, acolledores reservados que conservan o espírito de antigas estancias da casa orixinal e, pola outra, amplos espazos que permiten diversas reunións. Ao encanto da tradición que impera en todas as dependencias súmaselle, no caso do salón principal, a espectacular vista do Val do Río Tambre, próximo ao restaurante.
Ademais, o goce das instalacións e da contorna non ten por que centrarse nun único día, xa que Casa Rosinda ofrece tamén hospedaxe de turismo rural. O piso superior da casa matriz dispón de sete habitacións dobres con baño que convidan a viaxar na historia sen renunciar ás comodidades do noso tempo.